Friday 17 de May de 2024

Alternativa promoverá a creación de vivendas a prezos reducidos en Xaz, Oleiros, Mera e Perillo


Alternativa promoveu ao longo dos anos a creación de 752 vivendas de protección en Oleiros, ubicadas nos mellores lugares das urbanizacións. Ningún outro partido pode dicir o mesmo, nin parecido, nos distintos municipios nos que goberna ou gobernou.

Para continuar con esa política na próxima lexislatura, dada a consecución de parcelas propiedade do Concello existentes nas últimas urbanizacións desenvolvidas no municipio, Alternativa promoverá a creación de vivendas de prezo reducido durante o próximo mandato en Xaz, Oleiros, Perillo e Mera. Estableceranse criterios de adxudicación que outorgarán prioridade aos veciños e veciñas de Oleiros.

O prezo da vivenda, por outra parte, é un asunto que supera amplamente as competencias municipais. Os grandes partidos dedícanse a poñer parches que debido á súa escasa dimensión non mudan significativamente a situación. O dereito á vivenda sigue directamente en mans do mercado, e coa importancia do turismo como motor económico en todo o Estado está recrudecido e tensionado ao máximo.

O resultado da política territorial desenvolvida en Oleiros nas últimas décadas deu como resultado unha paisaxe coidada e moi agradable, que se converteu nun espazo moi apetecible para vivir, o que inflúe nos prezos que alcanzan os inmobles no municipio.

Tamén figura no programa da Alternativa sobre vivenda a posibilidade de autorizar determinados baixos comerciais que cumpran unha serie de condicións, para darlles unha función residencial.